O BNG acusa ao PP de bloquear investimentos clave para Sarria nos Orzamentos de 2026

O Bloque Nacionalista Galego criticou ao Goberno galego tras o rexeitamento do Partido Popular a todas as emendas que a formación nacionalista propuxo aos Orzamentos da Xunta para o ano 2026. As iniciativas buscaban, segundo o BNG, reforzar servizos públicos básicos e impulsar actuacións pendentes en Sarria.
A deputada Montse Valcárcel trasladou estas críticas nun encontro mantido cos concelleiros nacionalistas do municipio, Efrén Castro e Mónica López. Na reunión, analizaron o que consideran un escenario de “parálise institucional” e falta de compromiso do Executivo de Alfonso Rueda coa comarca.
Valcárcel lamentou que o PP bote abaixo propostas destinadas a resolver situacións enquistadas dende hai anos. Entre elas, destacou o desdobre do corredor Sarria–Nadela, unha conexión viaria que cualificou de “imprescindible” para a actividade económica e a mobilidade diaria. A portavoz lembrou que, tras máis dunha década de anuncios, a obra segue sen concluír e non conta cun calendario claro.
Outro dos asuntos que o BNG leva tempo reclamando é a renovación da estación de autobuses. A deputada denunciou que a infraestrutura continúa “obsoleta e sen adaptación ás necesidades actuais”, coa consecuencia directa de que o alumnado que se despraza a Lugo enfróntase a horarios escasos e pouco útiles.
Tamén fixo referencia á residencia de maiores, que permanece sufragada polo Concello malia tratarse dunha competencia autonómica. Criticou que a Xunta non destinase recursos públicos nin concertase prazas, mentres “si deriva fondos cara ao sector privado”.
Para Valcárcel, o conxunto destas situacións evidencia que o Goberno do PP “carece de estratexia” para Sarria. Por iso garantiu que o BNG continuará traballando para que a comarca deixe atrás “anos de desatención” e recupere o investimento que considera necesario.