O BNG de Samos presenta o seu programa electoral, que pon "as persoas no centro"

SarriaXa
O BNG de Samos presenta o programa que levará a cabo se chega ao goberno local, que propón diversas iniciativas e melloras
Candidatura BNG Samos
5 May 2023

O BNG de Samos presenta a súa candidatura ás vindeiras eleccións do 28 de maio, formada por nove persoas e encabezada pola alcaldable María Jesús López.

Entre as propostas do grupo político, unha delas é a de poñer "ás persoas no centro", xa que, din, "nun concello rural como o noso, onde a oferta privada de actividades é limitada, a administración local debe ofrecer uns servizos sociais accesibles e de calidade". Así, explican que promoverán a creación dun centro social "que funcione como un espazo de encontro e de esparcemento para todas as idades e que permita fomentar a autonomía persoal e a preservación de capacidades dos nosos maiores e facilite a conciliación".

Por outra parte, cren que é necesario recuperar espazos de lecer e cultura. "Chegou o momento de abrir os espazos municipais á veciñanza, de apostar polo deporte e de promover as nosas rutas e o inmenso patrimonio natural que temos".

Así, tamén defenden que Samos ofreza servizos "adaptados ao século XXI". "Rexeneraremos as pistas municipais que comunican o rural, impulsaremos a creación de traídas de auga para que os veciños e as explotacións gandeiras teñan abastecemento, promoveremos medidas para mellorar a prevención e a extinción dos incendios forestais e para ofrecer solucións habitacionais aos veciños e veciñas", sosteñen.

Por outra banda, defenden que a creación de emprego "é unha prioridade, e por iso poremos en marcha plans para apoiar aos negocios locais, aos agricultores e gandeiros". E con respecto ao turismo, din que "é necesaria a actividade turística dentro e fóra do Camiño de Santiago, mediante sinerxias con outros concellos e a correcta divulgación de todos os puntos de interese a visitar no concello".

Por último, defenden un Samos conectado, xa que "Samos non pode quedar á marxe da revolución tecnolóxica", polo que explican que porán en marcha "programas de educación en competencias dixitais, facilitaremos a tramitación administrativa 'en línea', e a melloraremos a transparencia a través da páxina web do Concello". E tamén defenderán "que todos os veciños teñan acceso a unha cobertura telefónica digna para poder desenvolver a súa vida e traballo con plena normalidade, vivan donde vivan".

Este equipo humano que ten a vontade de conseguir grandes cousas para o seu municipio está composto, ademais da alcaldable, por Jose Manuel López, Nagari López, Alberto Santín, Ana María Cela, Felix Pérez Osorio de Gorolfe, Montserrat Gayoso, Emilio López e María Inés Vázquez.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.12521600723267