O BNG de Sarria apoia as protestas contra o peche do matadoiro municipal

SarriaXa
Critican a “decisión arbitraria” do alcalde e piden a restitución inmediata do servizo
Efrén-Castro-BNG-Sarria-2
29 Jul 2025

O Bloque Nacionalista Galego de Sarria manifestou o seu apoio á mobilización cidadá celebrada este luns contra o peche do matadoiro municipal, unha medida que, segundo o grupo nacionalista, “afecta gravemente ao sector primario e carece de xustificación real”.

A formación valorou de forma moi positiva a resposta do pobo sarrián, que saíu á rúa convocado polos colectivos máis prexudicados pola clausura da instalación. Desde o BNG denunciaron que o peche responde a unha “decisión caprichosa” do alcalde socialista Claudio Garrido, sen que existan impedimentos técnicos nin legais que impidan a continuidade da actividade.

O portavoz municipal do BNG, Efrén Castro, asegurou que “ao señor Garrido xa non lle quedan escusas para xustificar un golpe tan duro contra o medio rural” e insistiu en que o matadoiro pode seguir funcionando “como o estaba facendo até agora”. Mostrouse especialmente preocupado ante un goberno local “que sabe que está a causar moito dano a carniceiros e gandeiros e non fai nada para remedialo”.

Para Castro, é “intolerable” que se manteña unha postura “arbitraria” que está a provocar perdas económicas nun sector que considerou fundamental para a economía da comarca. Por iso, animou a produtores e cidadanía a “manter a presión e continuar coas protestas”, convencido de que “entre todas e todos conseguiremos que se restitúa un servizo tan necesario”.

⚙ Configurar cookies
0.097448825836182