O BNG de Sarria critica o recurso do PSOE contra a compatibilidade laboral da edil Mónica López

A agrupación municipal do BNG de Sarria cualificou de "ridículo" o recurso presentado polos concelleiros socialistas contra a compatibilidade da edil nacionalista Mónica López, aprobada no pleno municipal de decembro para traballar na residencia de maiores. No debate plenario, PP e PSOE solicitaran un informe alegando que a edil só cumpría dous dos catro requisitos establecidos.
Segundo explican desde o BNG, a residencia de anciáns levaba tempo sen servizo de animación debido á baixa médica da persoa titular da praza. Ante esta situación, o Concello de Sarria abriu unha bolsa para cubrir baixas temporais neste posto, que ten unha xornada parcial e depende dun organismo autónomo. Mónica López inscribiuse no proceso selectivo ao ter dereito a facelo, sendo finalmente a única candidata na bolsa.
Finalizado o proceso, os técnicos municipais elaboraron un informe e determinaron que a decisión sobre a compatibilidade debía tomala o pleno municipal, que finalmente a aprobou. Tras esta aprobación, a edil incorporouse ao posto de traballo de maneira temporal, e cesará en canto a titular da praza se reincorpore. O BNG insiste en que se cumpriron todos os requisitos legais para ocupar o posto de maneira provisional.
O voceiro nacionalista, Efrén Castro, criticou a actitude do PSOE: "Paréceme absurdo que o Partido Socialista se opoña a cubrir un posto esencial para dinamizar a vida dos maiores da residencia". Ademais, acusou os socialistas de mentir ao insinuar que o traballo podería converterse en permanente: "Ata o máis indocumentado sabe que para conseguir unha praza fixa nun organismo público é necesario superar unha oposición".
Por último, Castro lamentou a postura do PSOE en Sarria, asegurando que "están desnortados e sempre da man do PP, sen proxecto para o municipio nin iniciativas para mellorar Sarria". Concluíu reafirmando o compromiso do BNG de seguir traballando por un futuro mellor para o concello e defendendo os intereses da veciñanza en todas as institucións.