O BNG de Sarria cualifica de “ridículas” as acusacións do Goberno local sobre a recollida do lixo

SarriaXa
Efrén Castro lembra que o alcalde leva sete anos sen renovar o servizo e reclama volver aos niveis anteriores do IBI e do imposto de circulación para negociar unha nova ordenanza
Efrén-Castro,-BNG-Sarria
13 Nov 2025

O BNG de Sarria respondeu ás declaracións do equipo de Goberno local, ao que acusa de “botar balóns fóra” e responsabilizar á oposición do funcionamento da recollida do lixo no municipio. O portavoz nacionalista, Efrén Castro, considerou “ridículo” que, despois de sete anos de mandato, o alcalde “non asuma as súas propias responsabilidades” polo deterioro dos servizos municipais.

Desde o grupo nacionalista lembran que no final do mandato anterior xa quedara elaborado un estudo económico e unha proposta de bases para licitar o servizo de recollida, que remataba o seu contrato. “Nestes sete anos, o actual alcalde non fixo nada por renovalo, deixou esmorecer o servizo ata chegar á desastrosa situación actual, e agora pretende culpar aos demais”, reprochan.

Castro tamén criticou que o rexedor presumise hai pouco de ter un acordo co Partido Popular que, segundo dixo, ía garantir estabilidade ao Goberno local. “Froito dese pacto puideron aprobar unha suba histórica tanto do IBI como do imposto de circulación. Agora non poden culpar ao BNG de non saber manter o entendemento cos seus socios preferentes”, engadiu.

O BNG defende que xa deixou clara a súa postura en todos os foros e plenos: se este ano, pola suba do canon de Sogama, era inevitable revisar o recibo da recollida do lixo, non era o momento de incrementar tamén outros impostos. “Non se pode subir o IBI e o imposto de circulación ao mesmo tempo, e menos nun contexto de dificultades económicas para a veciñanza”, apuntou Castro.

O portavoz nacionalista insistiu en que o seu grupo só participará nunha negociación sobre a nova ordenanza do lixo se o Goberno local reverte as subas recentes e devolve o IBI e o imposto de circulación aos niveis anteriores. “Se queren contar con nós, que rectifiquen e falaremos de como mellorar a recollida e renovar o contrato dun servizo que leva anos abandonado”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.069535970687866