O BNG de Sarria denuncia a "incapacidade" do alcalde de xestionar o servizo do matadoiro

SarriaXa
Dende o BNG din que levan tempo advertindo que as intencións ocultas de Garrido eran as de "pechar o matadoiro, negouno até o último momento e agora golpea a sector gandeiro"
BNG-no-matadoiro-de-Sarria
18 Out 2024

O BNG de Sarria leva tempo advertindo que a intención do alcalde era pechar o matadoiro municipal: "O Goberno de Camiña Sarria enganou en varias ocasións aos veciños, pois o seu relato oficial era que o peche do matadoiro era temporal, e agora anuncia o seu peche definitivo e cun vago anuncio da posibilidade de que caia en mans privadas", denuncian.

Por iso, cualifican estes feitos como "moi graves, xa que demostran que non teñen escrúpulos en mentir a toda a veciñanza e mostran a súa incapacidade para xestionar un servizo tan importante para a comarca de Sarria", critican.

O portavoz municipal, Efrén Castro, mostrouse moi preocupado pola situación na que "a incapacidade do alcalde deixa ao sector cárnico de Sarria". Dende o BNG din que levan tempo advertindo que as intencións ocultas de Garrido eran as de "pechar o matadoiro, negouno até o último momento e agora golpea ao sector gandeiro con este anuncio en prensa”.

Ademais, valorou o momento no que se fai este anuncio: “Pechar o matadoiro neste época do ano é dobremente grave, xa que non só afecta aos profesionais do sector, senón que tamén deixa na estacada a moitos particulares que tiñan planificado facer as súas matanzas no matadoiro municipal".

Con todo, sostivo que "non sabemos que intereses defende o Goberno de Camiña Sarria, pero está claro que non defende os intereses dos gandeiros e do sector cárnico nin tampouco os da veciñanza de Sarria”, e rematou anunciando que “dende o BNG imos poñer todos os nosos medios para que o matadoiro municipal volva funcionar, non imos permitir que as mentiras do alcalde nos deixen sen un servizo esencial, e non descartamos convocar concentracións en contra desta medida nos próximos días”.

Desta maneira, o BNG de Sarria esta a estudar todas as accións a levar a cabo para esixirlle ao goberno municipal a reapertura do matadoiro despois do anuncio do seu peche.

0.11193919181824