O BNG de Sarria denuncia o estado dos espazos urbanos e das zonas verdes da vila
O BNG de Sarria denuncia o estado dos espazos urbanos e das zonas verdes de Sarria, cuxos coidados din ser "moi deficientes".
"Chega con dar un paseo polo Malecón e ver como loce sucio e descoidado, con moito mobiliario urbano deteriorado ou roto que non se repara. Pero non só o Malecón, senón que podemos ver como as varandas que nos levan ao Parque do Chanto están rotas", explican Efrén Castro, candidato do partido ás vindeiras eleccións.
"Observamos tamén como locen case como unha selva moitas das zonas axardinadas que hai nas nosas rúas, como poden ser as zonas do Boulevar e por non falar do paseo das Aceas, que está completamente deteriorado, ou varios dos parques infantís...", enumera Castro.
O candidato nacionalista asegurou que “cando cheguemos a alcaldía nos 60 primeiros días acometeremos un plan de limpeza e acondicionamento tanto dos espazos urbanos como das zonas verdes".
Así, di: "Non podemos ter un goberno municipal pasivo ante o deterioro do noso concello”. Finalizou dicindo que “o coidado da nosa vila é vital para nós e faremos que Sarria estea como se merece para que volvamos a sentirnos orgullosos de ser sarriaos.”