Desde o BNG de Sarria din que "o que fai falta é traballo e xestión" para manter o matadoiro
O BNG de Sarria mostra a súa preocupación polo futuro do matadoiro municipal, despois de ter coñecemento dunha reunión a que convocou o alcalde Claudio Garrido a representantes do sector cárnico, na que xustificou as dificultades de xestión do matadoiro e a necesidade de inversión para o seu mantemento, insinuando que dita instalación estaba abocada ao peche.
Ante este discurso, no BNG "consideramos que o que fai falta é traballo e xestión para manter en funcionamento o único matadoiro que existe en toda a comarca de Sarria. A nosa comarca é unha comarca eminentemente gandeira, polo tanto, un servizo como este é esencial", explican.
Efrén Castro, portavoz do BNG, mostrouse preocupado ante esta situación: "Hai tempo que nos preocupa a actitude do señor Garrido, e esta reunión convocouna para tratar de xustificar o peche do matadoiro municipal", sostén.
Castro afirmou que o matadoiro é esencial non só para Sarria, senón que para toda a comarca e manifestou que "somos conscientes da dificultade de xestión e a necesidade de inversión que ten o matadoiro, pero ante isto o que fai falta é traballo e dotar orzamentariamente as inversións necesarias”.
Así, finalizou asegurando que "dende o BNG imos facer todo o que estea nas nosas mans para evitar que Camiña Sarria peche o matadoiro; somos un Concello gandeiro e nós imos estar do lado do sector. Dende o BNG de Sarria levaremos a cabo diferentes accións para loitar por un servizo tan necesario para a nosa vila", concluíu.