O BNG de Sarria mostra a súa disconfirmidade con respecto ao peche do matadoiro municipal
O BNG de Sarria amosou a súa preocupación ante o anuncio de peche do matadoiro municipal por parte do goberno local e, concretamente, do alcalde Claudio Garrido.
O partido político, despois de coñecer que o alcalde estaba a ter reunións con traballadores e con usuarios do matadoiro para anunciarlles a súa intención de pechalo por “falta de rendibilidade”, sostivo que "nunha comarca gandeira como é a de Sarria, a perda deste servizo suporá un gran trastorno para o sector gandeiro en crise como o da carne".
Desta maneira, o portavoz nacionalista, Efrén Castro, declarou que “non podemos aceptar que a falta de capacidade do goberno municipal para modernizar e facer rendible o matadoiro aboque no anuncio de futuro peche do matadoiro, xa que será a perda dun servizo moi importante para moitos veciños da comarca de Sarria.
Ademais, engadiu que “dende o BNG faremos todo o posible para evitar o peche dun servizo municipal básico nunha comarca gandeira como é a nosa". E sostivo finalmente que “parece que a receita para cadrar as contas que ten o señor Garrido é o peche de servizos públicos, mal empeza este mandato".