O BNG de Sarria organiza unha charla sobre o financiamento autonómico e o concerto económico

SarriaXa
O acto terá lugar ás 20.00 horas na Casa da Cultura e contará coa intervención de Efrén Castro, portavoz municipal do BNG
Efrén-Castro-BNG-Sarria-2
31 Jan 2025

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sarria organiza esta tarde de venres, 31 de xaneiro, unha charla informativa sobre o financiamento autonómico e o concerto económico baixo o título Galiza coa chave dos seus cartos.

O acto terá lugar ás 20.00 horas na Casa da Cultura e contará coa intervención de Efrén Castro, portavoz municipal do BNG, e Bieito Lobeira, membro da executiva nacional da formación.

O obxectivo deste encontro é analizar o actual modelo de financiamento autonómico e a posibilidade de que Galicia poida xestionar directamente os seus propios recursos económicos, un sistema coñecido como concerto económico. Este modelo, que xa se aplica en Euskadi e Navarra, permite que estas comunidades recaden todos os impostos xerados no seu territorio e, posteriormente, pacten coa Administración Xeral do Estado unha contribución polos servizos comúns.

Na charla, os poñentes debullarán as vantaxes que podería supoñer este sistema para Galicia, tanto en termos de maior autonomía financeira como de mellor xestión dos recursos públicos. Tamén se abordarán as deficiencias do actual modelo de financiamento, que segundo o BNG prexudica a Galicia ao recibir menos fondos dos que xera economicamente.

Dende o BNG convidan á veciñanza de Sarria a asistir a este acto para coñecer máis de preto as propostas en materia económica que defenden para garantir un financiamento máis xusto e equitativo para Galicia.

0.13647794723511