O BNG de Sarria presentará unha moción no pleno instando ao Goberno local a reabrir o matadoiro

SarriaXa
O portavoz nacionalista destaca que "detrás de todas as escusas dadas polo señor alcalde, só está a incapacidade de xestión e a falta de compromiso do Goberno municipal"
matadoiro-Sarria
23 Out 2024

O BNG de Sarria presentará unha moción inmediata no vindeiro pleno da Corporación municipal Sarria con respecto á situación do matadoiro e despois de organizar unha concentración este pasado martes, diante da casa do Concello, na que afectados do sector cárnico e veciños pediron que non se peche o servizo do matadoiro.

O portavoz nacionalista, Efrén Castro, sostén que Sarria "é un concello onde o peso do sector agrogandeiro é innegable, por iso eramos un dos poucos concellos que mantiñan aberto un matadoiro municipal, un servizo esencial para moitos gandeiros e gandeiras e autónomos e autónomas que se dedican a o sector cárnico", explica.

Así, di que o peche deste servizo "non só está a supoñer grandes inconvenientes a gandeiros e carniceiros, senón tamén aos particulares que tiñan previsto realizar a súas matanzas de porcino tradicionais nesta época e que quedan sen alternativa ningunha", critican.

Ademais, outra das consecuencias que trae o peche é a futura suba de prezo nas carnicerías da vila polo aumento de custos na transformación da carne. Este custo, de momento, estano a asumir os carniceiros, "pero isto non é sostible no tempo, a acabará repercutindo no custo da carne", argumenta Castro.

Así, acusan ao alcalde, Claudio Garrido, de mentir ao pleno e á veciñanza de Sarria porque "en repetidas ocasións manifestou que o peche do matadoiro era temporal mentres se realizaban algunhas reparacións; para despois saír en prensa anunciando o seu peche definitivo, argumentando que no era viable".

E engaden, que o rexedor falou da necesidade de investir 200.000 euros "como si eso fose unha contía que o concello non puidese asumir, cousa que é absolutamente falsa, xa que este Concello tivo de remanente nesta anualidade máis de 2 millóns de euros", denuncian.

Así, o portavoz nacionalista destaca que "detrás de todas as escusas dadas polo señor alcalde, só está a incapacidade de xestión e a falta de compromiso do Goberno municipal para defender os intereses do sector primario que nos afectan a todos".

Por isto, instan a volver dotar a Sarria do servizo de matadoiro municipal, polo que propoñen a adopción ao pleno dun acordo que consiste en instar ao Goberno municipal á reapertura inmediata dun servizo esencial e que se dote a consignación orzamentaria para realizar as melloras necesarias no matadoiro municipal.

0.18572998046875