O BNG de Sarria reclama obras urxentes nas beirarrúas e saneamento da rúa da Liberdade

O BNG de Sarria presentará no pleno municipal deste xoves unha moción para instar ao Concello a realizar obras urxentes nas beirarrúas e no saneamento da rúa da Liberdade. O portavoz, Efrén Castro, sinala que o mal estado destes servizos provoca humidades e filtracións de auga en varios garaxes privados, especialmente na contorna da oficina de Correos.
Segundo Castro, dende algunhas comunidades de veciños trasladouse esta problemática ao Concello e ao seu alcalde durante anos, pero os afectados só recibiron promesas de actuacións que nunca se materializaron. "A ninguén se lle escapa o desagradable que é que se produzan filtracións de auga durante anos e o deterioro que supón para as construcións", destacou.
O BNG propón que o Concello adopte dous acordos: en primeiro lugar, realizar de maneira urxente un estudo do estado do saneamento nesta zona da rúa da Liberdade; e, en segundo lugar, executar de forma inmediata as obras necesarias para solucionar as filtracións que afectan aos veciños.