O BNG de Sarria valora "moi positivamente" a manifestación contra o peche do matadoiro

SarriaXa
Efrén Castro, voceiro municipal nacionalista, declarou que "ao señor Garrido xa non lle quedan escusas para xustificar un golpe tan duro contra o medio rural"
manifestación-contra-o-peche-do-matadoiro-Sarria
15 Nov 2024

Dende a agrupación municipal do BNG de Sarria valoran "moi positivamente" a manifestación celebrada este xoves, na que o pobo de Sarria, convocado polos sectores máis prexudicados polo peche, protestaron en contra da decisión do alcalde de pechar un servizo tan importante para o sector primario como é o matadoiro.

Efrén Castro, voceiro municipal nacionalista, declarou que "ao señor Garrido xa non lle quedan escusas para xustificar un golpe tan duro contra o medio rural. Está claro que non hai ningún impedimento para que o matadoiro volva funcionar como o estaba facendo até agora".

Así, mostrouse preocupado ante un goberno municipal “que sabe que está a facer moito dano tanto a carniceiros como gandeiros e dálle igual. É intolerable que un alcalde manteña unha decisión arbitraria que está a xerar tantas perdas a un sector fundamental para a nosa economía", denunciou.

E finalizou animando ao sector e á cidadanía "para que manteñan a presión e as protestas, xa que entre todos imos conseguir que se restitúa un servizo tan importante".

0.17215299606323