O BNG denuncia que a LAT proxectada e que pasará por Sarria "prexudícanos a todos"
O BNG de Sarria organizou unha xuntanza no Hotel Alfonso IX con Xose Manuel Golpe, deputado do BNG, que explicou aos participantes o que conleva para un municipio o paso dunha liña de alta tensión.
“A liña de evacuación proxectada para Sarria e a súa contorna ponnos a todos nunha situación crítica. A Xunta pretende executala directamente por núcleos urbanos, pasando por riba das casas dos veciños e antepoñendo os seus intereses de negocio ao ben común”, explican os nacionalistas.
Así, din que as consecuencias derivadas deste plan “prexudícanos seriamente a todos e están ben confundidos se pensan que nos van a calar”.
Desta maneira, enumeran esas consecuencias, que pasan polo impacto visual, xa que serán sete torres de alta tensión; o impacto sobre a saúde da veciñanza, xa que estudos confirman unha maior incidencia de cancro nas zonas con liñas de alta tensión; impacto sobre especies protexidas e impacto sobre o Camiño de Santiago.
Ademais, denuncian “o nulo interese do alcalde de Sarria e o resto da corporación municipal ao non asistir ás reunións realizadas pola plataforma de afectados e absténdose na votación realizada no pasado pleno respecto a este tema.
“Dende o BNG estamos a disposición dos veciños para defender os intereses de todos. Levaremos esta situación a onde faga falla e faremos que nos escoiten. Outras alternativas de trazado son posibles e sabémolo”, conclúen.