O BNG esixe á Xunta reverter a decisión de xuntar ás 37 nenas e nenos do Páramo en dúas aulas

SarriaXa
Olalla Rodil mantivo un encontro con familias e profesorado e criticou que a medida da Consellaría de Educación aumenta a ratio e prexudica a calidade pedagóxica
CEIP-O-Páramo-BNG
4 Sep 2025

O BNG, a través da súa deputada no Parlamento Galego, Olalla Rodil, reuniuse con representantes das familias do alumnado do CEIP do Páramo despois de coñecerse a decisión da Xunta de Galicia de agrupar ás 37 nenas e nenos de Primaria en só dúas aulas.

Segundo a proposta da Consellaría de Educación, os estudantes de 1º, 2º e 3º de Primaria compartirían unha mesma aula, mentres que os de 4º, 5º e 6º estarían xuntos noutra. Esta medida xunta alumnado de ciclos formativos completamente distintos, con idades e necesidades educativas moi diversas, contravindo criterios pedagóxicos e o sentido común.

As familias e o profesorado amosan preocupación porque, lonxe de mellorar a situación, a Consellaría pretende aumentar a ratio do grupo de 1º a 3º ata 17 estudantes, cando existen alternativas máis equilibradas, como agrupar só 1º e 2º. “É incomprensible que, en lugar de reforzar os recursos, se tomen decisións que prexudican gravemente ao alumnado”, afirmou Olalla Rodil.

O BNG subliña que a educación pública debe garantir calidade e igualdade de oportunidades, tamén no rural, e denunciou que a medida vai en contra dos intereses das nenas e nenos. Ademais, Rodil lembrou que esta decisión contradí o discurso do PP sobre apoiar a fixación de poboación no interior, e defendeu que manter servizos públicos básicos como a educación é clave para garantir o futuro dos municipios rurais.

A deputada nacionalista esixe á Xunta rectificar de inmediato, garantir os medios necesarios para unha organización pedagóxica axeitada, con ratios xustas e condicións que permitan un ensino de calidade. “Estamos a falar de dereitos fundamentais. Non podemos consentir que se reduza a educación pública a unha cuestión de números”, concluíu, reafirmando o seu compromiso coas familias e o profesorado do CEIP do Páramo.

⚙ Configurar cookies
0.16019487380981