O BNG expón en Sarria o seu labor no Congreso e reivindica resultados concretos para Galicia

SarriaXa
Néstor Rego e Mónica López destacan avances en infraestruturas, dereitos sociais e financiamento grazas á acción do Bloque nas Cortes
acto-BNG-Sarria
16 Jan 2026

O Bloque Nacionalista Galego celebrou un encontro aberto coa veciñanza de Sarria no que explicou con detalle o traballo que a formación nacionalista está a desenvolver nas Cortes do Estado, unha actividade continuada que, segundo defendeu, demostra que a presenza do BNG en Madrid se transforma en melloras reais para a cidadanía galega, sendo a única forza política que actúa en defensa dos intereses de Galicia.

O acto estivo conducido pola concelleira do BNG en Sarria, Mónica López, e contou coa participación do deputado no Congreso, Néstor Rego. Durante a xornada púxose o acento en que o BNG é actualmente a única organización política que defende “con claridade, coherencia e sen dependencia ningunha” os intereses das galegas e galegos, fronte á actitude pasiva dos partidos estatais nas cuestións estratéxicas para o futuro do país, que priorizan as directrices marcadas desde Madrid, tanto desde Xénova como desde Ferraz, por riba das necesidades de Galicia.

Na súa intervención, Néstor Rego realizou un repaso exhaustivo aos avances acadados polo BNG no Congreso, facendo especial fincapé naqueles que teñen unha incidencia directa na provincia de Lugo e no conxunto do territorio galego. Neste contexto, salientou a modernización e a electrificación da liña ferroviaria entre Ourense e Lugo, unha reivindicación histórica que o BNG leva anos defendendo e que permitirá mellorar a mobilidade en tren, reducir os tempos de desprazamento e garantir un servizo público ferroviario en condicións dignas.

MELLORAS CONSEGUIDAS

O deputado nacionalista tamén destacou o traballo realizado polo BNG para impulsar a mellora da rede ferroviaria interior de Galicia, subliñando a relevancia de desbloquear e acelerar os trámites da liña Lugo-Santiago, así como a posta en marcha das cercanías ferroviarias nas principais cidades, unha medida clave para a vertebración territorial, para facilitar o acceso aos servizos públicos e para contribuír a fixar poboación no interior.

No ámbito social, Rego puxo de relevo que a actuación do BNG no Congreso foi decisiva para avanzar en dereitos e mellorar as condicións de vida da cidadanía. Entre os logros máis salientables mencionou o incremento das pensións, especialmente das mínimas, unha cuestión de grande importancia para Lugo, ao ser un dos territorios cunha pensión media máis baixa. “Cada euro que aumenta unha pensión mínima supón unha mellora directa para milleiros de veciñas e veciños”, afirmou, lembrando que estes avances son froito da presión e da capacidade negociadora do BNG.

Do mesmo xeito, puxo en valor a ampliación dos permisos por maternidade e paternidade, que xa alcanzan as 19 semanas e avanzan cara ás 20 semanas acordadas polo BNG, cualificándoo como “un novo paso na defensa da conciliación, da igualdade e dos dereitos laborais”.

Rego foi tamén contundente ao asegurar que o BNG seguirá centrando os seus esforzos en garantir un sistema de financiamento xusto para Galicia, baseado no concerto económico, que permita ao país xestionar os seus propios recursos e dispor dos medios necesarios para ofrecer servizos públicos de calidade. Neste sentido, rexeitou con firmeza a proposta do Goberno do Estado sobre o financiamento autonómico, á que cualificou de “inxusta e prexudicial” por manter un modelo que discrimina a Galicia.

Así mesmo, anunciou que o BNG continuará defendendo nas Cortes un financiamento xusto para os concellos galegos, fronte á situación actual de infrafinanciamento que limita a capacidade dos municipios para atender as demandas da veciñanza. Rego lembrou que esta reivindicación xa foi levada ao Congreso por iniciativa do BNG, demostrando que é a única forza que leva a voz do municipalismo galego a Madrid.

Pola súa banda, Mónica López destacou a relevancia de actos como o celebrado en Sarria para facer pedagoxía política e explicar que “cada avance logrado polo BNG é consecuencia de contar cunha voz propia, firme e sen obediencia a Madrid”. A concelleira subliñou que o Bloque é a única garantía de que os problemas reais da veciñanza de Sarria e da comarca cheguen ás institucións estatais.

Ambos coincidiron en lanzar unha mensaxe clara: “cando o BNG ten forza institucional, Galicia gaña”. Gaña en investimentos, en dereitos sociais, en servizos públicos e en dignidade. “O BNG non vén facer promesas, vén demostrar con feitos que defender a Galicia é útil e dá resultados”, concluíron.

⚙ Configurar cookies
0.080382108688354