O BNG expón "o custo" do pacto entre Garrido e o PP para a veciñanza de Sarria

O BNG de Sarria advertiu do impacto económico que terá para a cidadanía o acordo alcanzado entre Claudio Garrido e o Partido Popular, que trae consigo un forte incremento de impostos e taxas municipais. Lembran que o pasado 27 de setembro, cando Garrido e o PP anunciaron o pacto, “agocharon a cara B do acordo”, que —aseguran— “vai saír moi cara á veciñanza de Sarria”.
O goberno local levará á próxima comisión de contas do Concello a proposta de suba de catro taxas e impostos municipais. Entre elas, destacan aumentos moi significativos como o da taxa do lixo, que no caso dunha vivenda pasará de 56 a 120 euros, o que supón un incremento do 211 %. Os negocios de hostalaría tamén se verán gravemente afectados, con subas que poderían chegar ata o 300 %.
No referente ao imposto de bens inmobles (IBI), o BNG indica que a suba acadará o 19 %, o que permitirá ao Concello recadar medio millón de euros máis respecto ao exercicio anterior. Tamén o imposto de circulación experimentará un incremento do 27 %, elevando a recadación municipal.
Neste paquete de medidas tamén se inclúe o recibo da auga, que subirá un 2,7%, un incremento que o Concello xustifica pola evolución do IPC.
Desde a formación consideran que estas subas “non están sustentadas nun cálculo real de custos”, senón que responden a “un afán recadatorio” para dispor de máis orzamento.
O voceiro do BNG en Sarria denunciou que “esta suba desmesurada de impostos e taxas era a parte oculta do acordo entre o PP e Claudio; non contaron que o pacto tiña letra pequena e que a iamos pagar entre todos e todas”.
Engadiu que “se estas subas se aproban no próximo pleno serán a maior suba de impostos na historia do Concello de Sarria”. Finalmente, asegurou que “desde o BNG sempre tivemos unha postura dialogante para acordar taxas e impostos, pero esta suba suporá unha gran lousa económica para todo o municipio; este pacto vai saírnos moi caro”.