O BNG levará ao pleno a demanda de máis persoal para o servizo de pediatría de Sarria

O Bloque Nacionalista Galego reclamará no vindeiro pleno municipal que se dote de persoal suficiente o servizo de pediatría do centro de saúde de Sarria, unha demanda que chega tras denunciar reiteradamente a situación que atravesa a atención sanitaria no concello.
A formación nacionalista vén de rexistrar unha moción coa que esixe á Xunta de Galicia a cobertura inmediata das prazas vacantes, facendo especial fincapé na área de pediatría, que consideran especialmente afectada.
Esta iniciativa dá continuidade ás accións emprendidas polo BNG nos últimos meses, entre elas as iniciativas rexistradas no Parlamento galego a través da deputada Olalla Rodil, co obxectivo de visibilizar o que cualifican como unha situación crítica da sanidade na área de Sarria.
Segundo explican, na actualidade falta como mínimo unha pediatra, o que obriga á única profesional dispoñible a atender non só ás nenas e nenos da zona de Sarria, senón tamén aos do centro de saúde da Pobra, en Láncara, onde a praza de pediatría tamén permanece sen cubrir.
Desde o BNG advirten de que a falta de persoal non se limita á pediatría, xa que a atención primaria en xeral tamén sofre carencias continuadas, con ausencias frecuentes de facultativos, o que sitúa o nivel asistencial “moi por debaixo do esixible para unha sanidade pública e de calidade”.
O portavoz municipal do BNG, Efrén Castro, sinalou que “dende o BNG levamos moito tempo denunciando como as políticas do PP están a levar ao colapso a atención primaria” e advertiu de que no caso de Sarria “o grave é que quen están a sufrir de forma máis directa o deterioro da sanidade pública son os cativos e cativas”.
Castro avanzou que a súa formación esixirá ao goberno galego que “dote de persoal suficiente o servizo de pediatría de forma inmediata” e concluíu afirmando que “en Sarria precisamos pediatría e non imos pasar por que nos deixen sen ela”.