O BNG pide investigar os bens inmatriculados da Igrexa en Paradela

SarriaXa
A Igrexa rexistrou un total de 36 bens no municipio e os nacionalistas instan a verificar a validez da titularidade das propiedades
5 Mar 2021

O BNG de Paradela solicita ao goberno municipal que investigue os bens  inmatriculados pola Igrexa católica desde o ano 1998 ata o 2015.

O Concello de Paradela conta con 36 bens rexistrados, segundo a última publicación que fixo o Estado, "dos que maioritariamente non se proporciona a súa localización, nin constan os títulos acreditativos que reflicten a certificación da súa propiedade", din os nacionalistas, polo que instan a verificar a validez da súa titularidade.

A meirande parte dos bens inmatriculados son de tipo rústico, é dicir, parcelas de uso agrario, pero tamén existen casas e edificacións que, explican, "en moitos casos foron construídos ou comprados con cartos da veciñanza ou son de uso público dende tempos inmemoriais e nada teñen que ver coa actividade do culto relixioso".

Por todo isto, o BNG solicita ao goberno local de Paradela que "localice eses bens e faga público á veciñanza a súa localización, e que tamén se poña en contacto coas institucións pertinentes".

0.13921785354614