O BNG pide no pleno a reparación urxente das pistas deportivas de O Chanto en Lugo

O grupo municipal do BNG levará ao próximo pleno do Concello unha moción para reclamar a reparación e posta a punto das instalacións deportivas situadas en O Chanto, en Lugo. A petición céntrase especialmente nas pistas de tenis, que se atopan moi deterioradas polo paso do tempo e a falta de mantemento, o que dificulta a práctica desta disciplina ao tratarse da única infraestrutura municipal destinada a este deporte.
A formación nacionalista lembra que xa presentara en varias ocasións rogos e preguntas sobre os desperfectos nas pistas de baloncesto e fútbol sala da mesma área, polo que agora suman tamén a súa preocupación polo estado do pavimento das de tenis.
Segundo explicou o concelleiro Efrén Castro, “chegáronnos diferentes queixas sobre o estado das instalacións deportivas de O Chanto e da inacción do goberno local; trátase dun espazo moi importante para fomentar o deporte, e no caso das pistas de tenis a situación é aínda máis grave por ser a única instalación municipal desta modalidade”.
Castro avanzou que o BNG esixirá que se elabore unha memoria e se habilite unha partida orzamentaria para executar canto antes as reparacións e melloras necesarias que permitan recuperar estas instalacións para o uso da veciñanza.