O BNG propón a creación dun centro de día público en Samos

SarriaXa
Ademais, pídelle á Xunta duplicar os equipos de valoración de dependencia e aumentar de 12 a 20 euros por hora prestada o financiamento do Servizo de Atención no Fogar
BNG-propón-un-centro-de-día-en-Samos
6 Dec 2024

O Bloque Nacionalista Galego promove, a través de emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia para o 2025, a creación dun centro de día público en Samos así como duplicar os equipos de valoración de dependencia e aumentar de 12 a 20 euros por hora prestada o financiamento do Servizo de Atención no Fogar (SAF), un servizo que afoga aos concellos e que vulnera os dereitos das persoas maiores e que tamén debe garantir unhas condicións dignas as persoas traballadoras.

A iniciativa do BNG demanda ao Goberno galego que se comprometa e destine partidas orzamentarias para a construción do centro de día, coa dotación de recursos precisos, tanto materiais como humanos.

"Un Concello como o de Samos precisa de axudas para coidar ás persoas maiores e que estas teñan a posibilidade de ser atendidas cerca das súas casas sen ter que marchar do seu concello", apuntou Olalla Rodil. Así, di que o PP ten "unha boa oportunidade de mostrar o seu apoio a un concello pequeno e rural como é Samos".

Os 12 euros que a Xunta de Galicia lles paga aos concellos para levar a cabo este servizo "non lles chega a nada". En concreto, en Samos leva un 20 % do seu orzamento. A Xunta de Galicia "debe garantir a sostibilidade do sistema de atención á dependencia", sostén Rodil.

Así, dende o BNG piden ao PP “que se poña na pel destas persoas maiores e acepte unhas emendas que serven para mellorar a vida dos e das nosas maiores”, concluíu Olalla Rodil.

0.053711891174316