O BNG reclama en Samos máis investimento da Xunta para garantir servizos públicos de calidade no rural

SarriaXa
A rexedora local puxo sobre a mesa o "enorme esforzo económico" que o Concello debe asumir para manter servizos fundamentais para a conciliación
BNG-Samos-educacion
24 Jun 2025

O Bloque Nacionalista Galego defendeu en Samos a necesidade de garantir servizos públicos de calidade no rural como única vía para frear o despoboamento e facilitar a vida das familias.

As deputadas do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil e Ariadna Fernández, mantiveron un encontro coa alcaldesa de Samos, María Jesús López, e con representantes da comunidade educativa local, aos que trasladaron o compromiso do Bloque para trasladar ao Parlamento galego iniciativas que melloren a oferta educativa e de conciliación na comarca de Sarria.

Desde o BNG denuncian que a Xunta de Galicia asfixia economicamente aos concellos, obrigándoos a asumir competencias impropias como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o que dificulta cada vez máis poder exercer as súas funcións propias con garantías.

Durante a visita, a rexedora de Samos puxo sobre a mesa o "enorme esforzo económico" que o Concello debe asumir para manter servizos fundamentais para a conciliación, como o programa de madrugadores no CEIP de Samos, desenvolvido en colaboración coa ANPA. A alcaldesa advertiu das dificultades crecientes para sostelo polas mudanzas introducidas no Plan Corresponsables.

As nacionalistas defenden que debe ser a Xunta quen garanta este tipo de servizos, imprescindibles para que as familias poidan compaxinar os seus horarios laborais co calendario escolar. Así mesmo, a comunidade educativa alertou da falta de profesorado especializado, especialmente no ámbito da atención ao alumnado con necesidades educativas especiais.

Actualmente, o CEIP de Samos comparte unha mestra de Audición e Linguaxe co Concello de Triacastela, e conta cunha única orientadora para cubrir centros de Samos, Triacastela e dous centros máis en Sarria.

O BNG esixe que, de cara ao curso 2025-2026, a Xunta dote o CEIP de Samos do persoal necesario para garantir unha atención educativa de calidade, así como un servizo de orientación digno que poida atender axeitadamente o alumnado con necesidades específicas. Tamén quixeron recoñecer publicamente o esforzo do cadro docente actual, destacando o labor da dirección do centro por manter un proxecto educativo inclusivo e comprometido malia a escaseza de medios.

⚙ Configurar cookies
0.15320706367493