O BNG reuniuse con afectados pola desconexión das telecomunicacións no rural de Sarria
A deputada nacionalista Montse Valcárcel reuniuse na parroquia de San Pedro de Froián de Sarria, acompañada por Efrén Castro, portavoz municipal no Concello, con afectados pola desconexión das telecomunicacións no rural.
Estes días varios concellos do rural galego están a sufrir a falta de servizos de telefonía fixa e acceso a internet, afectando especialmente a persoas maiores. Máis de 600 usuarios quedaron sen servizo de teléfono fixo e internet na montaña de Lugo, moitos deles dependentes do sistema de teleasistencia.
“Perder o acceso ao teléfono fixo, non é calquera cousa para a xente maior, que igual entenden o fixo mais non se manexan ou non teñen un teléfono móbil, que ademais pode quedar sen cobertura e require unha mellor visión”, explicou Montse Valcárcel.
Así, din que a Xunta, dentro dos recursos que lle oferta ás persoas valoradas con algún grao de dependencia, ten o sistema de teleasistencia, que neste caso non funciona. En canto ao servizo con xeolocalización, a Cruz vermella, quen ten concedida a prestación deste servizo, non se pode ofertar nestas zonas en tanto que o dispositivo non funciona nin 2 horas, debido a que a falta de cobertura esgota a batería en moi pouco tempo.
Así pois, esta desconexión "impide exercer o dereito ao acceso á comunicación, poñendo en risco a vida das persoas, xa que non é posible comunicarse con ningún dos números de emerxencias, 112, 061, teleasistencia para persoas dependentes, etc. Os problemas van máis aló, xa que as explotacións agrarias teñen que realizar moitos procesos por vía dixital, e os trámites coa Administración fanse vía dixital”, denuncia a deputada nacionalista.
A situación débese a que as compañías de telecomunicacións, e en especial Telefónica, están levando a cabo un fechamento progresivo das súas centrais de cobre (ADSL), un proceso que se desenvolve nun contexto no que moitos núcleos do rural galego aínda non teñen acceso á fibra óptica.
Nestas zonas, unicamente ten cobertura a compañía Movistar, xa que recibiu fondos públicos no seu día para dar cobertura a estas zonas dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional na década dos 90. Movistar xustifica esta problemática argumentando que se trata dun cambio tecnolóxico de 2G a 4G. Porén, as persoas afectadas denuncian que a atención recibida limítase a respostas xenéricas de máquinas e contestadores, sen que se lles ofreza unha solución concreta.
“A situación podería agravarse nos próximos días debido aos apagóns analóxicos previstos para o 19 de outubro, que deixarán sen liña fixa e acceso a internet a moitos usuarios. Constátase a ausencia de investimentos para estender a fibra óptica nas zonas rurais, con todo o que implica en canto a dificultades no día a día, dende a atención a persoas maiores que necesitan o servizo de teleasistencia, até a realización de trámites administrativos ou bancarios que requiren acceso a internet”, continuou explicando Valcárcel.
“A Xunta de Galicia debe adoptar medidas contra esta desconexión do rural, sobre todo tendo en conta a desatención na que quedan as persoas usuarias do servizo de Teleasistencia”, concluíu Montse Valcárcel.