O BNG urxe a mellora do transporte público no rural tras as queixas en concellos como Láncara
A deputada do BNG, Cristina Fernández, demandou no Parlamento un servizo de transporte público no ámbito rural para o alumnado de etapas de ensino postobrigatorio, proposta que foi rexeitada polo Partido popular.
Actualmente, o rural galego vive un problema coas súas liñas de transporte tras a perda de calidade dos últimos anos e pola “eliminación de paradas, traxectos e atrasos nos horarios”, convertendo os desprazamentos dende os domicilios aos centros de ensino ou universidades nun asunto imposible.
Polo tanto, reclaman un servizo que permita á mocidade de concellos “como pode ser o caso de Láncara ou Salceda de Caselas, poder cursar os seus estudos postobrigatorios no sistema público sen ter que sufrir unha discriminación por orixe”, sinalou Fernández.
A deputada indicou que en Láncara existe un gran número de queixas e denuncias polo deficiente funcionamento do transporte e en Salceda de Caselas o alumnado de bacharelato non ten garantido o seu transporte escolar cara o instituto Pedras Rubias.
Na defensa da iniciativa, a deputada afirmou que as reclamacións son reiteradas tras a reorganización xeral do transporte escolar con contratos, mesmo anulados pola Xustiza, por considerar que Xunta permitiu “indebidamente” o monopolio do grupo empresarial Monbus. A esta queixa sumou que a propia Valedora do Pobo censurou recentemente ao Goberno galego por tardar “máis do que dura un curso” en responder ás peticións e queixas das familias.
Os maiores de 21, os máis afectados
Cristina Fernández explicou que un gran número de persoas cursan a súa formación postobrigatoria fóra do seu concello de residencia. Porén, a falta de planificación e recursos por parte da Xunta provoca que non accedan ao servizo, sobre todo, os maiores de 21 anos sen as bonificacións da tarxeta Xente Nova.
En moitas ocasións, dixo a portavoz de educación do BNG, o alumnado de zonas metropolitanas debe “recorrer ao transporte privado das persoas traballadoras das grandes empresas que os deixan ás 6 da mañá nas cidades, e logo agardar máis de dúas horas pola apertura dos centros educativos”.
Trátase dun servizo fundamental que as administracións públicas deben ofrecer á cidadanía polo seu carácter “vertebrador, dinamizador e democratizador da sociedade”. Ademais, resulta fundamental para unha maior sostibilidade ambiental, reducindo as emisións de CO2 á atmosfera e gañando calidade contra o cambio climático.
Uns obxectivos que serán posibles “se logramos diminuír o uso do vehículo particular”, aínda que para conseguilo a cidadanía debe dispoñer dunha rede de transporte extensa “con numerosas frecuencias e o máis consolidado posible”.
Dende o 2012, a Consellería permite que o alumnado de bacharelato ou CF ocupe as prazas libres da liña de transporte escolar das etapas obrigatorias, pero non sempre é posible. De feito, ás veces quedan sen transporte ou deben facer a viaxe de pé no autobús, dependendo da vontade das persoas condutoras.
Unha situación provocada “por un sistema monopolístico facilitado pola administración da Xunta de Galiza para beneficiar ao Grupo Monbus, e agravada pola desaparición das pequenas e medianas empresas de transporte por non competir en igualdade de condicións con esta gran empresa”, recalcou a deputada.