O BNG visitou a explotación gandeira en extensivo na Serra de Oribio en Samos
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visitou unha explotación en extensivo do gandeiro Alberto Santín no concello lucense de Samos e reivindicou o papel deste tipo de proxectos que permiten o desenvolvemento do rural e loitar contra o despoboamento. Rego lembrou as iniciativas rexistradas polo BNG para reclamando novos criterios para o reparto das axudas da PAC entre as que se inclúe á referida a superficie admisible dos pastos arbustivos e a súa introdución nos ecoesquemas.
Durante a visita á explotación gandeira en extensivo na Serra do Oribio, Néstor Rego estivo acompañado pola concelleira do BNG en Samos, María Jesús “Chus” López e o responsábel local, Emilio “Milucho” López, así como membros do BNG de Samos. Os concelleiros de Sarria tamén acudiron ao proxecto, Efrén Castro, deputado provincial, e Mónica López, ademais do responsábel da subcomarca de Sarria, Fernando López, e o responsábel comarcal de Lugo, Bernardo Valdés.
Rego destacou a calidade do proxecto desenvolto durante os últimos 14 anos da explotación en extensivo e puxo en valor a recuperación da cabra e ovella de raza Galega. “Unha explotación con máis de 200 ovellas de raza galega e máis de 130 cabras de raza autóctona” enfatizou o deputado do BNG. Razas que desenvolven un papel de gran valor na conservación dos ecosistemas e que contribúen á limpeza e conservación dos montes, así como “evita a aparición e propagación dos lumes”
Por outra banda, o deputado nacionalista lembrou as iniciativas rexistradas no Congreso para que a superficie dos pastos arbustivos e de baixo arborado sexa admisíbel e recoñecida no desenvolvemento da nova PAC. “Co esta inclusión garantiríase que os gandeiros e gandeiras da Galiza non saísen prexudicadas a través do recoñecemento das singularidades do País” subliña Rego.
Para o deputado nacionalista, é preciso tamén incorporar “a identificación de prácticas locais estabelecidas en base á importancia que ten o pastoreo para a conservación dos valores protexidos polas directivas de hábitat e aves da Unión Europea”.
Alén do máis, engadiu a necesidade de incluír as especifidades dos territorios propios da Galicia no deseño dos ecoesquemas da PAC. “O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ten que ter en conta as distintas necesidades de cada territorio para lograr unha mellor adaptación da nova regulación” afirma o deputado do BNG.