'O bosque é grande e profundo' do escritor sarriao Manuel Darriba publicouse en inglés

SarriaXa
A novela publicouse en galego no 2013 en Edicións Xerais cunha imaxe de cuberta na que aparecía o fotógrafo sarriao Toño de López
Manuel-Darriba-piloto-de-gaivotas-Escairón
2 Out 2024

O sarriao Manuel Darriba, xornalista, guionista e escritor, vén de conseguir que a súa novela 'O bosque é grande e profundo' se publique en inglés na editorial Small Stations Press, cunha tradución de Jonathan Dunne.

Desta maneira, a obra 'The forest is big and deep' distribúese xa dende setembro nos principais mercados de lingua inglesa, sendo esta unha das máis coñecidas de Darriba, na que se narra un futuro de destrución nun bosque cheo de refuxiados de guerra. Os protagonistas principais son un rapaz fuxido e a súa irmá menor, atrapada na cidade entre bombardeos.

'O bosque é grande e profundo' publicouse en galego no 2013 en Edicións Xerais cunha imaxe de cuberta na que aparecía unha imaxe do fotógrafo sarriao Toño de López.

A obra, que foi nomeada ese ano ao Premio de Novela Europea 'Casino de Santiago', foi traducida ao castelán polo propio autor e publicouse na editorial de vangarda Caballo de Troya.

Recoñecementos da obra

Tanto en galego coma en castelán, 'O bosque é grande e profundo' recibiu críticas moi positivas en diversos blogs, xornais e suplementos literarios.

En Galicia, o crítico Francisco Martínez Bouzas opinou que a novela de Darriba era “unha das obras máis orixinais e innovadoras da literatura galega dos últimos anos”. Armando Requeixo calificouna de “brutal, terrible e inmisericorde; unha subxugante novela”. A Ramón Rozas pareceulle “unha lectura engaiolante e arriscada; obra de fondo alento”.

Fóra de Galicia tamén se lle prestou atención. No suplemento “Babelia” de “El País”, María José Obiol referiuse aos seus “diálogos secos y lacónicos donde el lenguaje deviene en algo casi primario”. En “El Cultural” de “El Mundo”, Care Santos apuntaba que a trama da novela “nos sorprende y nos zarandea”.

O autor

Manuel Darriba é autor dunha quincena de obras de narrativa e poesía, varias delas premiadas e traducidas ao castelán. No 2023 publicou o seu libro máis recente, o álbum infantil 'Pedro, o piloto de gaivotas', en colaboración coa ilustradora Aida Alonso. Ese mesmo ano foi finalista do Premio Nacional de Poesía coa súa obra “Radiante”, editada en Chan da Pólvora.

0.16849184036255