O Buril organiza catro días de concertos de grupos de rock para celebrar o seu VI aniversario
Despois do éxito acadado no evento organizado polo Buril, Encontro de Punkis de Aldea, a asociación segue organizando eventos e a partir de mañá xoves, 27 de abril, e ata o vindeiro domingo, 30 de abril para conmemorar o seu sexto aniversario.
Así, o xoves o local do Buril acollerá a actuación dos grupos musicais de rock VRK, Corteza Hinumana e Amken, que veñen desde Grecia; desde as 21.00 horas. As persoas interesadas en acudir a esta cita poderán facelo pagando unha entrada de sete euros.
Pola súa parte, o venres actuará o grupo de punk rock Ravagers, que vén dende Baltimore, Estados Unidos, para deleitar aos asistentes, que terán que pagar unha entrada de doce euros, coa súa posta en escena.
Xa o sábado Color Carne, de Taboada, e Salavelatoria, de Tourón, serán os grupos encargados de amenizar a noite, a partir das 23.00 horas. A entrada terá un custo de cinco euros.
Por último, o domingo 30 de abril, Mr. Goliath, do estilo musical Power Trio de Madrid, e o grupo punk Jipis Atomicos, de Alcalá de Hernares; poñerán fin a catro días de intensa música. Para esta última xornada, os asistentes terán que pagar unha entrada de sete euros.