O calmado do tráfico é unha das propostas máis importantes do programa do BNG de Sarria

SarriaXa
O calmado do tráfico é unha das propostas máis importantes do programa do BNG de Sarria debido aos atropelos
Efrén Castro
1 Maio 2023

O BNG de Sarria propón un proxecto de calmado de tráfico e de humanización dos espazos públicos como unha alternativa á situación actual, na que "se están a producir noticias concatenas de atropelos en Sarria".

Así, o partido nacionalista cre que para evitar estes sinistros "hai que adoptar medidas máis profundas que solucionar o deficiente pintado dos pasos de peóns".

Por iso, propoñen levar a cabo un plan de calmado do tráfico, dirixido por estudos técnicos, que se execute "sobre todo nas zonas máis sensibles, como contornas dos colexios e zonas cun elevado numero de sinistros".

Ademais, sosteñen que este plan de calmado de tráfico ten que ir acompañado dunha serie de actuacións que "humanicen os espazos públicos como converter algunhas rúas en plataforma única (antigo concepto de peonalización), primando que os espazos nas rúas sexan ocupados polas persoas e non polos coches".

Din que este tipo de transformacións urbanas non só reducen case ate desaparecer os atropelos, senón que tamén fan de motor económico para o comercio local.

0.16620087623596