O Camiño dos Valores arrincou en Samos a súa novena edición baixo o lema 'Camiñando pola saúde mental'

O Camiño dos Valores iniciou a súa novena edición entre Samos e Sarria. A iniciativa, impulsada por #UP2U Project e presidida pola maxistrada de menores Reyes Martel, promove a integración social e a educación en valores a través dunha experiencia compartida que culminará o 12 de outubro en Santiago de Compostela.
O percorrido tivo como punto de partida a localidade de Samos e concluíu en Sarria tras doce quilómetros de dificultade moderada. Na praza Vergara Vilariño, a alcaldesa de Samos, María Jesús López, deu a benvida ás persoas participantes, mentres que Antonio “El Flaco”, viaxeiro do Camiño, lembrou a importancia de camiñar xuntos. Pola súa banda, Reyes Martel animou á comitiva a avanzar “pese ás adversidades do camiño”.
Nesta edición participan mozos e mozas de diferentes comunidades —Canarias, Baleares, Melilla, Murcia, Valencia, Cidade Real, Cantabria, Madrid ou Xaén, entre outras— xunto a profesionais e representantes institucionais. Entre as autoridades convidadas figuran a maxistrada de menores de Madrid, Eva Saavedra; Javier Francisco Soria, director do centro de menores de Melilla; e a deputada Rebeca Paniagua, entre outras personalidades.
O Camiño dos Valores 2025 xa tivera unha primeira fase en Gran Canaria, co percorrido do Camiño de Santiago insular entre Tunte (San Bartolomé de Tirajana) e Gáldar. Ademais de reafirmar os principios fundacionais de #UP2U Project – Depende de Ti, esta edición serviu para estreitar os lazos entre Gran Canaria e Galicia, despois dunha visita dunha delegación galega á illa, onde foi recibida polo presidente do Cabildo, Antonio Morales, e outras autoridades.
O lema “Camiñando pola saúde mental” resume o espírito desta edición e enlaza coas accións de sensibilización destes días: camiñar xuntos é recoñecer, escoitar e acompañar, poñendo a vida das persoas no centro.