O Camiño Eufrasiano estreou nova sinalización cunha ruta guiada entre Samos e o Val do Mao

Os concellos de Samos e do Incio celebraron unha ruta guiada polo Camiño Eufrasiano para dar a coñecer a nova sinalización deste histórico itinerario. A saída realizouse dende a Praza Vergara Vilariño de Samos e avanzou polo antigo lavadoiro ata o Santuario de San Eufrasio, no Val do Mao, onde repousan os restos do varón apostólico.
Durante o traxecto, os participantes estiveron acompañados polo guía Xaime Fernández, que lles trasladou explicacións sobre a historia e o patrimonio vencellado a esta senda. Este percorrido fora utilizado no seu día por camiñantes que entraban en Galicia por Riocereixa, en Pedrafita do Cebreiro, e enlazaban despois co Camiño Francés en Samos.
A xornada concluíu cunha visita ao santuario e coa presentación oficial dos novos paneis informativos instalados na igrexa de Santo Eufrasio, unha intervención coa que se busca reforzar o atractivo cultural e turístico da zona.
A sinalización foi promovida polos dous concellos grazas a sendas achegas de 30.000 euros concedidas por Turismo de Galicia, e permite ofrecer unha alternativa máis para veciños, visitantes e tamén peregrinos.
Ademais da mellora do Camiño Eufrasiano, os dous municipios acondicionaron no mesmo itinerario a área recreativa de As Fontes, pensada para o lecer da veciñanza e dos viaxeiros, e colocaron nova sinalización noutros espazos patrimoniais como o castro de Formigueiros e as necrópoles de Santa Mariña e da Serra do Édramo, co obxectivo de poñer en valor estes enclaves históricos.