O Camiño Eufrasiano formará parte do Camiño de Santiago grazas a unha proposta do BNG

SarriaXa
O BNG conseguiu incluír no conxunto dos Camiños de Santiago o Camiño Eufrasiano, que percorre os concellos de Samos, Sarria, A Pobra do Brollón e o Incio, e que contou co apoio unánime do Parlamento Galego.
Camiño Eufrasiano
8 Dec 2023

O BNG conseguiu incluír no conxunto dos Camiños de Santiago o Camiño Eufrasiano, que percorre os concellos de Samos, Sarria, A Pobra do Brollón e o Incio, e que contou co apoio unánime do Parlamento Galego.

Así, a deputada do BNG, Carme Aira, recalcou a gran riqueza patrimonial do Incio, destacando a Igrexa de San Pedro Fiz de Hospital do Incio, utilizada como hospital de peregrinos a Compostela, tres igrexas prerrománicas, un manancial de augas ferras que curaba as anemias. Ademais, di que este Camiño impulsará  servizos co seu retorno económico, ademais de contribuír  á dinamización socioeconómica "dunha zona de Galiza especialmente deprimida en demografía e economía".

O Incio, agregou a parlamentaria do BNG, "conta cunha importante representación de petróglifos, castros sen escavar, o campo de mámoas “máis grande de Galiza” e un gran número de túmulos.  Aira non esqueceu na súa intervención ao grande poeta, Lois Pereiro e o cemiterio de Sta Cristina do Viso, no que reposan os seu restos.

Finalmente, a nacionalista tamén fixo unha reseña de San Eufrasio, varón apostólico, bispo de Anduxar e Xaén, mártir milagreiro e nomeado santo despois de ser torturado, e concluíu a súa intervención salientando que “poñer en valor o patrimonio atrae á xente e a xente xustifica o mantemento de servizos, e esa relación produce un retorno económico que permite actualizar o patrimonio e xerar riqueza ademais de situar  aos concellos no mapa e garantir o seu futuro como no caso do Incio. Os camiños actúan de escusa perfecta para poñer en valor todo un territorio e o seu valor cultural, ambiental, natural e xeolóxico".

Acordo do Parlamento

O Parlamento acordou instar á Xunta a analizar, cos responsables dos concellos de Sarria, Samos, O Incio, A Pobra do Brollón e do Courel, así como co tecido asociativo e social implicado; a existencia de documentos que xustifiquen a historicidade como ruta de peregrinación a Santiago de Compostela do Camiño de San Eufrasio, dentro do marco da lei 5/2016, de 4 maio, do Patrimonio Cultural de Galicia, unindo os camiños Francés, a Ruta da Prata, e o Camiño de Inverno no Val do Mao; así como a súa influencia na formalización da estrutura do territorio polo que transcorrerían estas variantes.

Paralelamente, instarase á Xunta a buscar outras alternativas que contribuíran a dar a coñecer e divulgar a historia de San Eufrasio, vinculada cos concellos citados.

Para a parlamentaría nacionalista, este acordo inicia o “primeiro paso” para o  recoñecemento da singularidade do concello do Incio e o seu valor histórico e patrimonial.

0.17241811752319