O campamento de verán 'Aventura no Camiño' de Sarria celebrarase desde xullo e ata finais de agosto
Os nenos e rapaces de entre 6 e 16 anos poderán desfrutar das actividades deportivas e de ocio deste verán 2023 no Concello de Sarria baixo o nome de 'Aventura do Camiño', un campamento onde os participantes practicarán todo tipo de deportes, tamén acuáticos, percorrerán tramos do Camiño de Santiago e xogarán.
Este ano, ademais, os participantes poderán coñecer de preto a Aula Cemit de Sarria e os drons e impresoras en 3D que acaban de chegar, polo que as actividades ofrecidas fomentan a saúde física, pero tamén o coñecemento de novos sectores que están de actualidade na sociedade.
O horario das actividades será de 09.30 a 14 horas, aínda que as familias que o necesiten poderán acollerse ao servizo de madrugadores, de 08.00 a 09.30 horas ou ao servizo fiambreira, de 14.00 a 15.30 horas.
Por outra banda, o campamento comezará o 3 de xullo e rematará o 31 de agosto, pero haberá diferentes quendas, para que as familias elixan as que máis se axeiten aos seus plans: do 3 ao 14 de xullo, do 17 ao 28 de xullo, do 31 de xullo ao 11 de agosto e do 14 de agosto ao 31 de agosto.
Hoxe é o último día para apuntarse, inscrición que se poderá facer nas propias oficinas municipais ou a través da sede electrónica do Concello de Sarria.