O Campionato de España Sénior Masculino de Pitch&Putt celebrarase esta fin de semana en Sarria
O Campo de Golf O Pilar de Sarria, situado en pleno Camiño de Santiago, acollerá os días 1 e 2 de xuño o Campionato de España Sénior Masculino de Pitch&Putt.
Este evento deportivo de alto nivel terá como escenario o campo sarriao, homologado pola Real Federación Española de Golf, despois de celebrarse en lugares como Madrid (2023), Alacante (2022), Xixón (2021), Benalmádena (2020) e Murcia (2019).
Desta maneira, Sarria acollerá esta primeira fin de semana de xuño un evento que reunirá golfistas séniors de toda España, afeccionados ao golf e ao pitch&putt da comunidade e turistas interesados no golf e no patrimonio cultural do Camiño de Santiago, ao seu paso por Sarria.
O venres 31 será a xornada oficial de adestramentos no campo e rexistraranse os xogadores na oficina do club de golf, mentres que o 1 de xuño terá lugar a primeira rolda de 18 ocos da competición pola mañá e a segunda rolda de tamén 18 ocos pola tarde. Xa o 2 de xuño terá lugar a última rolda de 18 ocos, cerimonia de clausura e entrega de trofeos.