O Campus Baloncesto no Camiño esgota as prazas internas na súa XVII edición

SarriaXa
A proposta, dirixida a mozos e mozas nados entre 2008 e 2017, combina a práctica do baloncesto con actividades ao aire libre
Campus-Baloncesto-no-Camiño-Sarria
13 Jun 2025

O Campus Baloncesto no Camiño da CB Sarria acada un novo éxito na súa XVII edición ao esgotar as 120 prazas en réxime interno dispoñibles para a quenda que se celebrará entre o 12 e o 19 de xullo de 2025 en Sarria.

A proposta, dirixida a mozos e mozas nados entre 2008 e 2017, combina a práctica do baloncesto con actividades ao aire libre, culturais e de inmersión lingüística no inglés, cun enfoque que aposta polo deporte, a natureza e a convivencia.

Durante a semana do campus, os participantes poderán mellorar o seu xogo mediante adestramentos por niveis con técnicos superiores e licenciados en Educación Física, sesións de tecnificación e preparación física, así como competicións en diferentes formatos como 1×1, 3×3, 5×5 ou probas de habilidade. Ademais, haberá adestramentos en inglés, actividades multideportivas na natureza, xogos en equipo e saídas culturais no Camiño de Santiago. Os grupos de tecnificación serán gravados en vídeo para facilitar a análise do rendemento e os gañadores das distintas competicións recibirán agasallos.

O campus, xa consolidado como unha cita de referencia para a mocidade amante do baloncesto e do Camiño, ofrece unha experiencia única para facer novos amigos, coñecer novos lugares e seguir crecendo no deporte.

⚙ Configurar cookies
0.17057013511658