O ‘Campus de Baloncesto no Camiño’ reuniu en Sarria a 170 participantes

Sarria converteuse estes días no epicentro do baloncesto base coa celebración da décimo sétima edición do ‘Campus de Baloncesto no Camiño’, promovido polo Club Baloncesto Sarria, que reúne a 170 mozos e mozas de entre 8 e 17 anos, dos cales 120 participan en réxime interno.
Desde o pasado 12 de xullo e ata este sábado, día 19, os asistentes teñen a oportunidade de mellorar as súas habilidades deportivas da man de profesionais do baloncesto, ao tempo que desfrutan dunha experiencia formativa, lúdica e de convivencia.
O programa do campus vai máis alá dos adestramentos específicos e inclúe competicións, xogos ao aire libre e actividades culturais relacionadas co Camiño de Santiago.
Así mesmo, os participantes poden perfeccionar o seu nivel de inglés grazas a sesións bilingües e dinámicas en grupo que lles permiten practicar a lingua dun xeito ameno e entretido. A dirección do campus recae un ano máis en Miguel Ángel Hoyo, director deportivo do CB Sarria e actual seleccionador absoluto da selección de baloncesto de Costa de Marfil desde comezos deste ano.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, salientou o labor do CB Sarria no eido do deporte base e puxo en valor propostas como esta, que segundo destacou “ofrecen unha alternativa de lecer saudable durante o verán, fomentan a práctica deportiva e contribúen á formación dos xogadores do futuro, tanto no ámbito técnico do baloncesto como nos valores que o definen, coma o esforzo, o compromiso e o traballo en equipo”.