O Campus de Nadal do Club Baloncesto Sarria reúne a máis de 70 nenos e nenas coa colaboración da Xunta
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou aos participantes da segunda edición do Campus de Nadal organizado polo Club Baloncesto Sarria, que conta co apoio da administración autonómica.
A actividade, que arrancou o pasado xoves e se prolongará ata mañá domingo, reúne a máis de 70 nenos e nenas nados entre os anos 2007 e 2017. O programa ofrece adestramentos adaptados por grupos de nivel para mellorar as habilidades no baloncesto, complementados con actividades deportivas, lúdicas e recreativas. O obxectivo é fomentar o traballo en equipo, a convivencia e o disfrute dun Nadal activo.
Durante a súa visita, Javier Arias eloxiou o labor do club sarriao e destacou a importancia desta iniciativa para as familias, subliñando que o campus “non só facilita a conciliación, senón que tamén proporciona aos menores unha excelente oportunidade para practicar deporte, compartir experiencias e fortalecer lazos sociais”.
O evento consolídase así como unha alternativa enriquecedora para os máis pequenos durante o período vacacional, ofrecendo unha proposta que combina deporte, aprendizaxe e diversión.