O Campus do Club Xirandela pecha a súa vixésimo terceira edición cun balance moi positivo

SarriaXa
Medio cento de participantes gozaron dunha semana de ximnasia rítmica, baile moderno e formación con profesionais de primeiro nivel
Sarria-Club-Xirandela-ximnasia-xullo-2025
28 Jul 2025

O pasado xoves 24 de xullo puxo o ramo a XXIII edición do Campus de Verán do Club Xirandela de Sarria, unha cita xa consolidada no calendario deportivo da comarca e que, un ano máis, reuniu a medio cento de rapazas e rapaces apaixonados pola ximnasia rítmica.

Durante unha semana, as persoas participantes mergulláronse nunha intensa programación de actividades deportivas, combinando o adestramento técnico co lecer e a convivencia. O campus destacou especialmente pola presenza de figuras recoñecidas no mundo da ximnasia e da danza, que contribuíron a enriquecer a formación do alumnado.

Entre as visitas máis esperadas estivo a do andaluz Ivi Fernández, tricampión de Andalucía, campión de España e subcampión do mundo de ximnasia estética de grupo. A súa masterclass foi un dos momentos máis inspiradores do campus, onde compartiu non só coñecementos técnicos, senón tamén a súa experiencia como deportista de elite.

Tamén se sumou ao programa Rubén Hamade, adestrador de hip hop e break dance da escola Gravitty de Lugo, quen impartiu unha dinámica sesión de baile moderno que sorprendeu e entusiasmou ao grupo. A actividade, que combinou ritmo, coordinación e diversión, foi unha das novidades máis valoradas desta edición.

O Club Xirandela, entidade organizadora do campus, destacou o bo ambiente que se viviu ao longo de toda a semana e a implicación tanto do equipo técnico como do alumnado. “Foi unha semana intensa de traballo, pero tamén de moita diversión. As rapazas e rapaces aprenderon, melloraron as súas habilidades e fixeron novas amizades”, sinalaron dende a organización.

Con esta edición, o campus consolida o seu papel como espazo formativo e de convivencia para a mocidade, combinando deporte, valores e diversión nun formato que segue a medrar ano tras ano. Desde o club xa adiantan que están a traballar na vindeira edición, coa intención de seguir mellorando e achegando experiencias inesquecibles para a mocidade sarriao.

⚙ Configurar cookies
0.14530396461487