O CB Sarria aposta pola súa canteira nunha tempada na que rozan os 300 xogadores e xogadoras

Jessica Fernández
Con case 40 anos de traxectoria, xa que se pon en marcha no ano 1987, o Club Baloncesto Sarria segue medrando en número de xogadores e xogadoras, que se unen a un equipo que se define como unha familia deportiva. María Jesús Arias, presidenta da entidade desde o ano 2022, defende que o máis lles fai sentir orgullosos é a “a nosa canteira, a que temos, a que tivemos e a que teremos”, sentenza. Así, contan con 278 xogadores e xogadoras nesta tempada 2025-2026 divididos en 15 equipos nun total de sete categorías: premini, alevín, preinfantil, infantil, cadete, junior e sénior, todos en feminino e masculino, agás o preinfantil que só é masculino.
A gran tradición deportiva e de amor polo baloncesto en Sarria, sumado ao bo facer desenvolvido por todas as persoas que traballan no CB Sarria, consolida un aumento do interese polos rapaces e rapazas sarriaos e de concellos da comarca a integrarse nun proxecto no que os valores que se transmiten están claros: “a familiaridade e o compromiso”, tal e como defende Chus.
Ademais, engade que a práctica deportiva do baloncesto fomenta outros valores como o respecto, o esforzo, a disciplina, a diversión e levar a cabo as normas de conducta establecidas, tanto nos adestramentos, nos vestiarios, no autobús e nos partidos”, afirma.
AS PERSOAS QUE FORMAN O CB SARRIA
Todos estes beneficios, a través da práctica deportiva, non serían posibles sen o traballo diario, constante e decidido da dirección deportiva do club, formada polo director deportivo, Miguel Ángel Hoyo; o coordinador xeral, Adrián López e o coordinador de canastra pequena, Carlos Maceiras.; e polo corpo técnico, os adestradores e adestradoras. Así, o no equipo premini feminino Transportes Darriba están Claudia Rodríguez e Florián Vázquez; mentres que no masculino de Cementos Cosmos dirixe Unax López.
En Liga Galega, na categoría mini feminino, o equipo de Castro Agrasar está dirixido por Adrián López, e o masculino de Oso Blanco ten como adestradores a Miguel Ángel Hoyo e Lúa Río. No mini zonal feminino de Autovalfer, adestra Florián Vázquez; e no masculino de Parrillada Camping Vila de Sarria o preparador é Jose Illán.
Na canastra grande, no Preinfantil de Liga Gallega de Iván Folgueiras Pódologo e no Infantil masculino de Clínica Dental José Franco están á fronte Miguel Ángel Hoyo e Lúa Río. Mentres, no infantil feminino de Maderas Grandas teñen a Adrián López. O cadete feminino de Caldas Panadería e o junior feminino de Saneamientos Sarria están dirixidos por Miguel López; e no junior masculino de Oral Desing adestra Unax López.
Xa na categoría sénior, no feminino de Pili Madeira dirixe Miguel López e no masculino de Corbar faino Pepe Domínguez.
E, finalmente, na Liga Escolar, “que é unha parte fundamental, xa que son a semente para os equipos federados, onde os mais cativos descobren o mundo da canastra”, tal e como explica Chus, adestra Noa Santamarina, Celia Soto, Florián Vázquez e Xabelo López no colexio Frei Luis; mentres que Angela Rodríguez e Aroa Campos adestran n colexio da Asunción. Florián adestra na Merced e Adrián López e Lúa Río adestran no CEIP Plurilingüe San Miguel de Paradela. Ademais, todos os colexios están coordinados por Adrián López.
Por outro lado, a presidenta do club destaca a a Noa López Tallón como xogadora, a Jaime Capellá Bouza como fisioterapeuta do actual campión da Euroliga, o Fenerbahce; e a Daniel Illán como director técnico do Comité Galego de Árbitros, xa que “os tres saíron da nosa canteira do CB Sarria, da que, reitero, nos sentimos moi orgullosos”, destaca.
SINERXIAS E FUTURO
Con respecto á situación actual, desde o club deportivo sosteñen que, ademais de formar a súa propia canteira, “é importante colaborar con outros equipos, como o club Carballeira do Páramo, que están facendo un labor fantástico nun equipo capitaneado por David”.
Por iso, tendo en conta a cantidade de rapaces e rapazas que adestran no Chanto polo CB Sarria e moitas veces ten que acoller outros equipos e encontros, cren que a construción dun novo pavillón en Sarria, así como calquera infraestrutura deportiva “é fundamental para promover e facilitar a práctica do deporte, e Sarria está en pleno crecemento”. Porén, recoñecen que están “satisfeitos co que contan na actualidade, xa que “abarcamos unha ampla franxa horaria debido ao número de equipos que temos; os adestramentos comezan ás 16.00 horas e rematan as 23.15 horas, de luns a venres”, explica.
Pero estes horarios non son os únicos nos que hai baloncesto, desde o CB Sarria promoven iniciativas como o Campus de Baloncesto no Camiño e o Campus de Nadal, que “é esencial” para ofrecer actividades deportivas nas vacacións co obxectivo de “fomentar a convivencia, a autonomía, a disciplina e a superación; así como a mellora técnica e táctica, permitindo aos rapaces dar un salto de calidade no xogo individual”, defende Chus.
Para concluír, a presidenta do CB Sarria defende que non pensan demasiado no futuro, senón que están “centrados nesta tempada e coa vista posta xa no segundo 3x3 URBANO na Praza da Vila, que este ano celebraremos no mes de xuño”, avanza.