O CB Sarria arrinca unha tempada chea de ilusión e novidades

SarriaXa
O club participará nun torneo en Portugal, aumenta o número de equipos e prepara diversas actividades deportivas ao longo do ano
3x3-Noite-Meiga-CB-Sarria
5 Sep 2025

O Club Baloncesto Sarria iniciou a tempada 2025-2026 cun ambiente de optimismo que, segundo destacan desde a entidade, é “ilusionante”.

No marco da Noite Meiga celebrouse na Praza da Vila un exitoso Torneo 3x3, que encheu de baloncesto a fin de semana con máis de vinte horas de xogo. Foron dous días intensos e apaixoantes, nos que reinou o compañeirismo dentro e fóra da pista, e nos que o club agradeceu a participación e a entrega de todos os xogadores.

Os xogadores e xogadoras volveron aos adestramentos con moita enerxía tras o período vacacional e xa teñen por diante os primeiros encontros, que se celebrarán a fin de semana do 12, 13 e 14 de setembro no municipio portugués de Mondim de Bastos, onde o club foi convidado a un torneo no que participará con cinco equipos das categorías alevín, infantil e cadete.

Entre as novidades deste curso destacan a incorporación de novos adestradores, reforzos nos equipos sénior e a presenza de tres conxuntos competindo en Liga Galega, ademais do sénior masculino, que repetirá unha tempada máis na Segunda División Autonómica. A nivel colectivo, o club continúa en expansión, xa que aos 14 equipos da pasada campaña sumaranse tres ou catro máis.

Ademais da competición oficial, o CB Sarria organizará o III Torneo Torreón interprovincial, a tradicional recollida de xoguetes da Campaña Solidaria Miguel Cumbraos e o III Campus de Nadal, que se complementará coa Xuntanza coas familias, na que se celebrarán partidos entre pais, adestradores e fillos, rematando cunha chocolatada con churros.

No segundo tramo da tempada tamén regresarán o Verán de Basket, o torneo 3x3 e o Campus Baloncesto no Camiño, consolidando un calendario cargado de deporte e convivencia.

⚙ Configurar cookies
0.15418601036072