O CB Sarria presenta o equipo técnico da terceira edición do seu Campus de Nadal

SarriaXa
Un cadro de adestradores de prestixio acompañará aos participantes entre o 26 e o 29 de decembro
adestradores-Campus-CB-Sarria-25
11 Dec 2025

O Club Baloncesto Sarria presentou o equipo de adestradores que formará parte da terceira edición do seu Campus de Nadal, que terá lugar entre o 26 e o 29 de decembro. A entidade anunciou tamén que continuará publicando novidades relacionadas con esta nova edición, que aspira a ofrecer unha experiencia formativa completa aos máis novos.

Nesta primeira presentación, o club destaca a unión de talento e experiencia dun cadro técnico formado por Fernán Varela, Miguel Ángel Hoyo, Adrián López, Miguel Moreno, Ximena Beiras e Sito Cabado. Todos eles achegarán os seus coñecementos e a súa visión profesional para garantir unha formación de calidade.

Ademais, avanzan que contarán coa visita do mago sarriao Roberto Lolo como unha das actividades no marco do campus para amenizar as xornadas deportivas.

O CB Sarria subliña que o Campus está deseñado para brindar aos rapaces e rapazas unha experiencia deportiva enriquecedora nun ambiente festivo, dinámico e saudable. A entidade anima ás familias a participar e a confiar nun proxecto que aposta pola aprendizaxe, a convivencia e a paixón polo baloncesto.

⚙ Configurar cookies
0.075546026229858