O CEIP de Samos abre as súas portas para dar a coñecer o seu modelo educativo e os seus servizos de conciliación

O CEIP de Samos organiza xornadas de portas abertas para todas aquelas familias interesadas en coñecer o seu modelo educativo e as instalacións do centro.
Cun enfoque de aprendizaxe individualizada en aulas multigrado, o colexio ofrece unha ensinanza adaptada ás necesidades de cada alumno, fomentando a colaboración con outros centros da zona e participando en proxectos innovadores como E-Dixgal, Voz Natura e Prensa Escola.
Un dos puntos fortes do xolexio é o seu servizo de conciliación familiar, totalmente gratuíto. As familias poden beneficiarse do programa de madrugadores de 8.00 a 10.00 horas, asegurando un coidado temperán para os nenos antes do inicio da xornada escolar. Ademais, o colexio ofrece actividades extraescolares de 16.30 a 18.30 horas, ampliando así as opcións para que os máis pequenos disfruten dun ambiente educativo enriquecedor fóra do horario lectivo.
Jenny, mestra e nai dun pequeno que estuda no colexio de Samos, pon en valor este servizo, argumentando que "o servizo de conciliación permite ás familias que poidan traballar mentres saben que os seus fillos están en boas mans, con actividades diferentes e traballadas da man de Vanesa", destaca.
Tamén, di que unha das mellores cousas do CEIP é "o trato personalizado": "En Infantil, hai 9 nenos e en Primaria 13, polo que o trato é totalmente personalizado, podendo atender ás necesidades específicas de cada persoa". Por iso, leva o seu fillo desde Sarria a Samos cada día para ofrecerlle "a mellor educación", xa que "somos como unha familia", subliña.
O comedor escolar é outro dos aspectos destacados do centro, xa que conta con dúas cociñeiras propias que elaboran menús saudables e equilibrados cada día, garantindo unha alimentación de calidade para o alumnado. O servizo de comedor e transporte escolar está dispoñible para todos os nenos matriculados no centro, facilitando aínda máis a conciliación para as familias.
O CEIP de Samos invita a todas as familias a coñecer de primeira man as súas instalacións e a súa oferta educativa. Para máis información e reservas, pódese contactar co centro a través do teléfono 982 82 59 ou o correo ceip.samos@edu.xunta.gal.