O CEIP Eduardo Cela Vila abre as súas portas ás familias de cara ao novo curso

O CEIP Eduardo Cela Vila, situado en Triacastela, abre as súas portas ás familias interesadas en coñecer de primeira man o centro e o seu proxecto educativo, nunha iniciativa pensada para achegar a escola á comunidade e facilitar a elección de centro de cara ao vindeiro curso escolar.
O colexio aposta polo modelo de escola rural como espazo de aprendizaxe comunitaria, cun ensino multigrado que favorece unha aprendizaxe emocional, contextualizada e personalizada. Entre as súas propostas destacan actividades como informática, arte e natureza, club de deporte, club de lectura do Oribio e o acceso a piscina climatizada en Sarria, ademais de proxectos propios como a radio escolar Mundotria, o museo escolar do patrimonio de Triacastela, o horto do Oribio como aula da natureza ou o xornal escolar O Papagaio.
Desde o centro lembran que o prazo para presentar as solicitudes de admisión estará aberto do 1 ao 20 de marzo, animando ás familias a achegarse ao CEIP Eduardo Cela Vila para coñecer as instalacións, o funcionamento diario e a filosofía educativa dun centro vencellado ao territorio e á contorna natural.