O CEIP Eduardo Cela Vila celebra a súa Festa de Fin de Curso este venres, 20 de xuño

O vindeiro venres 20 de xuño, o CEIP Eduardo Cela Vila celebrará a súa tradicional Festa de Fin de Curso cunha xornada chea de actividades pensadas para o alumnado, as súas familias e o profesorado.
A programación comezará ás 9:45 horas cun espectáculo de maxia a cargo do mago Roberto Lolo, unha actividade aberta ao público. A continuación, de 10:45 a 11:30 horas, haberá tempo para a merenda e o xogo.
A celebración continuará coa colorida Festa Holi, de 11:30 a 12:30 horas. Xa a partir das 12:45 horas, terá lugar o emotivo acto de despedida do alumnado de 6.º de Educación Primaria e a despedida xeral do curso.
Finalmente, de 13:45 a 15:00 horas, está previsto un xantar conxunto que reunirá a alumnado, familias e profesorado.
O centro anima á comunidade educativa a participar nunha xornada que pon o broche final ao curso 2024-2025 nun ambiente festivo e de convivencia.