O CEIP Eduardo Cela Vila organiza unha xornada de convivencia solidaria en Triacastela

O vindeiro 6 de xuño, o municipio de Triacastela acollerá a tradicional xornada de convivencia de fin de curso organizada polo CEIP Eduardo Cela Vila, que contará tamén coa participación dos colexios de Samos e O Incio.
Esta iniciativa pretende fortalecer os lazos entre as comunidades educativas da zona nun ambiente lúdico e educativo.
Este ano, a cita contará cun compoñente especial, xa que os organizadores decidiron darlle un fin solidario, promovendo a concienciación e a loita contra a leucemia infantil.
Para iso, celebrarase unha andaina/carreira solidaria polas rúas de Triacastela, á que se sumarán os tres centros educativos participantes.
A actividade forma parte da Carreira Solidaria da Fundación Unoentrecienmil, unha entidade que impulsa iniciativas en apoio á investigación da leucemia infantil. Con esta proposta, o obxectivo é visibilizar esta enfermidade e reunir fondos que contribúan a avanzar na súa cura.