O Cemiterio de Paradela xa conta cunha placa que dá valor á lingua galega
O cemiterio de San Miguel de Paradela foi o escenario elixido para a colocación dunha placa coa lenda Na memoria de todas as persoas que xacen aquí, porque Galicia segue a ter cultura e lingua de seu, promovida polo Concello de Paradela e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Durante o acto visitouse o Panteón de Paradelenses Ilustres, único en Galicia destas características, onde foi enterrado o escritor Manuel Rodríguez López, Fillo Predilecto de Paradela, a quen se lembra neste lugar cunha placa en galego; así como o nicho no que fican os restos do canteiro Manuel López López O Lagoa, que el mesmo construíu e que tamén está rotulado en galego.
Esta conmemoración dálle continuidade á do ano 2019, que se realizou no cemiterio parroquial de San Facundo de Ribas de Miño, tamén en Paradela, o único de Galicia que ten todas as súas lápidas en galego.