O Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Sarria celebrou os 30 anos

SarriaXa
O programa incluíu a gala musical 'Ti si que vales', con actuacións dos propios usuarios; o espectáculo do mago Roberto Lolo; animación a cargo dun Dj e unha exhibición de fotografías
Aniversario-CAPD-Sarria
25 Out 2024

O Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Sarria vén de celebrar os seus 30 anos, momento no que o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, felicitou ao conxunto dos traballadores por implicarse día a día para prestar a mellor atención aos usuarios. Arias participou na xornada de convivencia xunto co director, Luis Pardo, os residentes e as familias.

O programa incluíu a gala musical 'Ti si que vales', con actuacións dos propios usuarios; o espectáculo do mago Roberto Lolo; animación a cargo dun Dj e unha exhibición de fotografías das actividades e excursións realizadas durante todo o ano. Tamén hai unha mostra permanente de traballos elaborados polos residentes. Así mesmo, o delegado visitou unha exposición de Hospitaleiros sen Fronteiras.

O CAPD de Sarria, dependente da Consellería de Política Social e Igualdade, conta con 182 profesionais e 120 prazas. Presta un servizo integral, dende os coidados básicos ata atención sanitaria, fisioterapia, terapia ocupacional e formación nas súas aulas e talleres.

Entre as últimas melloras implantadas, destaca a aposta pola introdución das novas tecnoloxías nas aulas, coa incorporación de pizarras dixitais, tablets, gafas de realidade virtual e outro equipamento tecnolóxico que brinda moitas posibilidades aos ususarios para potenciar as súas habilidades. Así mesmo, neste momento estanse a executar obras de reforma en baños e almacéns, no marco das actuacións que realiza periodicamente a Consellería para actualizar e modernizar as instalacións.

0.17823505401611