O centro de saúde de Sarria foi escenario dunha nova concentración en protesta polos recortes na Atención Primaria
Esta fin de semana a sociedade de Sarria volveu reunirse fronte ao centro de saúde para protestar pola situación na que se atopa a Atención Primaria na vila e pedir unha sanidade pública de calidade.
Da man dos organizadores, do BNG de Sarria, decenas de persoas xuntáronse cunha pancarta para clamar por unha "sanidade de calidade pública galega" e protestar contra os recortes que se están a facer desde a Xunta de Galicia na Atención Primaria.
Ao acto acudiron diferentes concelleiros nacionalistas e veciños, aínda que non estivo Olalla Rodil, coa que se contaba nun principio. Aínda así, as persoas participantes apoiaron ao portavoz do BNG, que sostén que a situación sanitaria “é insostenible” e que “non ten sentido que os nenos e nenas de Sarria teñan que desprazarse a Lugo para recibir unha atención especializada de Pediatría”.