O Centro Deportivo e de Saúde de Sarria xa alcanza os mil usuarios e aumentará as actividades
O concelleiro de Deportes de Sarria, Félix Seijas, anuncia que o Centro Deportivo e de Saúde (CDS) de Sarria vén de alcanzar a cifra de 1.000 usuarios tras experimentar “unha evolución espectacular” nos últimos cinco meses, “o que confirma o acerto e o éxito da aposta do goberno local pola reapertura e posta en valor da piscina e das instalacións do ximnasio”.
Segundo os datos aportados pola empresa encargada da xestión, Seijas precisa que a progresión do número de usuarios “vai camiño de triplicarse nun semestre”.
O edil de Deportes resaltou que a apertura a finais do ano pasado da Sala Fitness supuxo “un revulsivo que potenciou a asistencia ao ximnasio” e lembrou que o goberno local investiu 186.700 euros mediante a modalidade dun 'renting' no equipamento, con maquinaria cardiovascular e de musculación de última xeración.
Precisamente, a maior afluencia ao ximnasio levará a reforzar o apoio aos usuarios coa realización de táboas de adestramentos e con máis horas de presenza dun monitor na sala.
Piscina climatizada
Por outra banda, Félix Seijas tamén indicou que xa se están a impartir na piscina climatizada “máis cursos de natación dos previstos inicialmente” e anunciou que o goberno local e a empresa encargada da xestión traballan “para responder á elevada demanda incluindo novos cursos, especialmente para atender aos nenos que quedaron fóra por estar cubertas as prazas de todos os grupos”.
Félix Seijas tamén subliñou que, coincidindo co arranque deste mes de abril, o Centro Deportivo e de Saúde aumentará a oferta de actividades con seis novas sesións, situando a programación total en 26: zumba (3 sesións), ciclo indoor (4), pilates (4), crossfit (1), streching (1), gap (3), ximnasia para maiores (3), aeróbic/step (2), ioga (2) e tonificación (3).
“O funcionamento das instalacións está a ser excelente e a acollida por parte da veciñanza, magnífica”, destacou o concelleiro, antes de poñer en valor o feito de que “o índice de penetración dos usuarios respecto ao total da poboación de Sarria sitúase arredor dun 7,5 por cento, mentres que a media das piscinas galegas non adoita superar o 4 por cento, o que confirma o éxito destas instalacións”.