O certame literario Manuel Oreste Rodríguez López de Paradela celebrou o seu 30 aniversario

SarriaXa
O acto estivo acompañado pola actuación dunha representación da Banda de Música de Paradela, que contou tamén coa participación de nenos e nenas
Certame-Manuel-Oreste-Paradela-25
24 Dec 2025

O certame literario Manuel Oreste Rodríguez López de Paradela celebrou o seu 30 aniversario cun acto no centro sociocultural da localidade que reuniu a numeroso público e contou coa presenza de cinco dos doce premiados nesta edición.

Entre eles estiveron os gañadores nas modalidades de poesía e narrativa, Martiño Maseda Lozano e Pedro Rielo Lamela, este último recoñecido tamén cunha mención de honra en poesía. Xunto a eles asistiron Elena Pérez López, accésit en poesía; Diego Fernández Fernández, accésit en narrativa; e José Ignacio Tamayo Pérez, que recibiu a mención de honra en narrativa. Na modalidade do Camiño de Santiago, o premio recaeu en José Manuel Brea Feijoo.

O acto estivo acompañado pola actuación dunha representación da Banda de Música de Paradela, que contou tamén coa participación de nenos e nenas, contribuíndo a crear un ambiente festivo e participativo arredor da cultura e da literatura. A celebración serviu non só para recoñecer o talento literario, senón tamén para reforzar o carácter colectivo e cultural dun premio xa consolidado no municipio.

A alcaldesa estivo acompañada por Irene López, viúva do homenaxeado; o seu neto, Carlos Rodríguez; o director territorial de Cultura, Manuel Antonio Fernández; o deputado autonómico e exalcalde, José Manuel Mato; e Ángel Fernández, Fillo Predilecto de Paradela. Durante o acto tamén tomou a palabra Carlos Rodríguez en representación da familia, quen puxo en valor a importancia deste certame e da súa entrega como unha ocasión para “compartir” cultura, música e literatura, definindo a xornada como unha tarde “chea de inspiración e beleza”.

⚙ Configurar cookies
0.077054023742676