O Club Baloncesto Sarria pecha con gran éxito o seu Campus de Nadal 2025

O Club Baloncesto Sarria puxo punto final ao Campus de Nadal 2025 cun balance moi positivo, nunha edición que volveu contar cunha acollida extraordinaria e cunha ampla participación. Desde o club salientan que o éxito do campus foi posible grazas ao traballo conxunto de adestradores, colaboradores, institucións e familias, que fixeron desta experiencia unha cita inesquecible para os rapaces e rapazas participantes.
A entidade quixo recoñecer de xeito especial o labor dos adestradores convidados Fernán Varela, Miguel Moreno, Ximena Beiras e Sito Cabado, así como o traballo do persoal da casa, con mención destacada para Miguel Ángel Hoyo e Adrián López, responsables da organización e do esforzo realizado para que todas as actividades se desenvolvesen sen incidencias. Tamén se agradeceu a implicación dos adestradores axudantes Jose Illán, Florián Vázquez e Lúa Río.
O club puxo en valor o papel fundamental do equipo de cociña, formado por Mercedes e Pilar, polo seu coidado e dedicación en cada almorzo, xantar e cea, así como a colaboración do Instituto Gregorio Fernández por facilitar as instalacións do comedor e da cociña.
Así mesmo, o Club Baloncesto Sarria destacou o traballo de Claudia Rodríguez, Noa Santamarina, Florián Vázquez e Sara Lara, encargados de coidar e acompañar aos participantes durante as noites, garantindo o seu benestar en todo momento.
Desde a entidade tamén se agradeceu o respaldo institucional do alcalde Claudio Garrido e do concelleiro de Deportes, Félix Seijas, pola facilitación do uso das instalacións deportivas e pola súa presenza, reafirmando o apoio municipal ao deporte base. O programa do campus completouse con actividades complementarias, como o espectáculo do Mago Lolo, que fixo gozar aos asistentes cunha actuación chea de fantasía, e a exhibición da Asociación Cultural de Radio Control AC/RC, que sorprendeu cunha demostración do manexo de coches de radiocontrol.
Por último, o club quixo agradecer a confianza das familias que repetiron un ano máis e dar a benvida ás que participaron por primeira vez, así como recoñecer a todos os rapaces e rapazas que formaron parte desta experiencia, clave para seguir fomentando os valores do deporte base.